Wednesday 15 de May de 2024

A reordenación ambiental da contorna da praia do Testal estará lista en cinco meses e dotará á zona de pasarelas peonís, sendas de zahorra e áreas onde estacionar vehículos


 

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron esta mañá a zona xunto con técnicos de Costas e da empresa adxudicataria

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron esta mañá a contorna da praia do Testal, onde está previsto executar un proxecto de reordenación ambiental do litoral noiés. Un proxecto encargado pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar por 375.039,21 euros a Tragsa e que ten un prazo de execución de cinco meses.

Santiago Freire e Rafael Eimil estiveron acompañados polos concelleiros noieses Ángela Neri e Juan Ramón González, así como por enxeñeiros de camiños da Demarcación de Costas e da empresa adxudicataria, que comprobaron sobre o terreo as actuacións que se van executar na zona e que inclúen a instalación dunha pasarela peonil de 766 metros entre a praia do Testal e a lonxa, dúas sendas en zahorra e a habilitación de dúas áreas para o aparcamento de vehículos.

Santiago Freire amosa a súa satisfacción xa que “é unha obra onde levou moito tempo conseguir as autorizacións, que requiriu moitas xestións tanto en Madrid con na Coruña, pero que agora ve a luz e estou convencido de que suporá unha gran satisfacción para os veciños e veciñas de Noia, como tamén o fará o proxecto de mellora da fachada marítima, que espero que ao longo dos próximos meses se poda comezar a adxudicar e iniciar. Isto demostra que as xestións realizadas dende o Concello ao longo de tanto tempo comezan a ver os seus froitos”.

Reordenación ambiental

O proxecto de reordenación ambiental do litoral no Testal contempla a creación dunha pasarela peonil de 766 metros entre a praia e a lonxa, seguindo o trazado da estrada. Unha pasarela elevada en plástico reciclado e dun ancho mínimo de 1,5 metros que “ademais de mellorar a seguridade dos peóns, tamén impedirá que se fagan estacionamentos sobre o areal”, explica Freire Abeijón.

Así mesmo, o alcalde noiés salienta que “tamén se creará unha senda en zahorra por debaixo do viaduto, que é un demanda de moitas persoas que practican deporte, ou simplemente camiñan pola contorna, e que así terán un percorrido cuberto por onde adestrar ou camiñar”. Unha senda que se sumará a outra que unirá a zona da praia ata a lonxa, seguindo nesta ocasión o trazado do litoral, non o da estrada. Ambas sendas terán un ancho de 2 metros e estarán feitas en zahorra, con bordillo en madeira.

A actuación tamén contempla a habilitación de dúas zonas para o estacionamento seguro de vehículos: unha a carón da pista polideportiva do Testal e outra en ambas marxes do vial de acceso á lonxa do Testal, a prolongación da DP-5706 (de titularidade compartida pola Deputación da Coruña e Portos de Galicia). “Isto vai a supoñer unha comodidade para os mariscadores e mariscadoras que acudan ao Testal, pois van poder estacionar en condicións de seguridade e sen risco de seren multados”, puntualizou o alcalde noiés.

Complemento das obras

Esta actuación que acometerá Costas complementarase cun proxecto de mellora do acceso peonil á praia do Testal, aprobado polo Concello de Noia o pasado mes de decembro e incluído no POS+2019. Un proxecto orzamentado en 202.192,28 euros e que “inclúe a mellora do acceso peonil á praia e tamén da zona de estacionamento no porto e na praia”, apunta o alcalde de Noia, quen indica que “con estas dúas actuacións conseguiremos que unha contorna que hai anos estaba degradada, que era un vertedoiro e que supuxo unha importante actuación de rexeneración, acabe sendo unha paraxe acolledora, a un paso de Noia e a carón da lonxa e o porto do Testal”.